Queremos pois participar nesta campaña electoral para pedir o voto - Un voto que impida que a dereita goberne nos concellos da nosa comarca.

Este comunicado á opinión pública, ten por obxectivo converterse nunha ferramenta máis que axude a poñer o freo ao avance das forzas da dereita, que nestas eleccións municipais, teñen, se non actuamos e nos comprometemos para impedilo, moitas posibilidades de facerse co poder municipal.

As persoas que asinamos esta comunicación sabemos que un reforzamento da dereita vai supoñer unha perda de dereitos sen precedentes. Sábemo-lo pola nosa actividade social, sindical, política... onde estamos resistindo a un proceso de privatización dos servizos públicos, baixo a escusa de mellorar a xestión e conseguir servizos mais baratos. Sabemos que a privatización só ten un obxectivo: entregar ás grandes corporacións o negocio que supón a xestión pública, aumentando os beneficios dese negocio a costa de arrebatarnos a súa calidade, a gratuidade e a universalidade das prestacións.

Na xestión municipal cumpre rescatar para o público todos os servizos municipais que nas últimas décadas foron entregados, mesmo por corporacións da esquerda, a multinacionais. Son estas multinacionais, e os grandes grupos financeiros, os que están detrás da dereita política, dereita que representa moi ben os seus intereses. Dereita que observa ao municipio como a unha presa a cazar para consumir. Consumir á nosa cidadanía consagrando os valores que afianzan a súa riqueza e o poder absoluto ao que aspiran: a competitividade fronte á complementariedade; o individualismo fronte á solidariedade; a ambición e a hipocrisía fronte a ética; o autoritarismo fronte á participación.

Non participamos da crenza de que “todas as forzas políticas son iguais”, ou da idea de que “dá igual” quen goberne no concello. Conflitos como o da Fraga de Menáncaro, a Praza de Sartaña, a urbanización da Praza de España, as vivendas de Recimil, a rehabilitación de Ferrol Vello, a Planta de Gas, saneamento da Ría, defensa dos espazos públicos, defensa dos montes de Brión, a loita polos comedores e as actividades extraescolares nos colexios públicos... e outras moitas loitas, ensínannos que non todos son o mesmo, e a existencia dun movemento cidadá forte e reivindicativo, combinado cunhas institucións abertas ao diálogo, transparentes e non pregadas a intereses económicos das grandes empresas, do empresariado “amigo e especulador”, favorecen e melloran a calidade de vida da maioría, minguando o enriquecemento sen límite que pretende unha minoría privilexiada.

Queremos pois participar nesta campaña electoral para pedir o voto. Un voto que impida que a dereita goberne nos concellos da nosa comarca. Non se trata de dar un cheque en branco. Non se trata de ignorar ou esquecer os erros que estes propios partidos polos que imos votar (desde a socialdemocracia, pasando pola esquerda republicana ou a esquerda nacionalista), tiveron ou teñen. Trátase de colocar na institución que nos é mais próxima, a mellor representación posíbel que nos acompañe en todas as loitas que o movemento cidadá temos por diante.

Precisamos unha institución que nos apoie e nos escoite activamente, para aplicar as políticas que nos son imprescindíbeis nestes tempos de agresións constantes aos nosos dereitos fundamentais, aos nosos dereitos laborais, sociais, ambientais, lingüísticos e culturais. Só desde os valores da esquerda, e coas políticas de esquerda, desde a nosa propia identidade, podemos afrontar a falta de emprego, a falta de vivenda, a falta de cobertura social, a dependencia, a privatización da auga, a falta de transporte... e avanzar nun modelo de cidade acolledora para quen nos visita ou para quen nos elixe para vivir; integradora para as minorías étnicas e culturais; unha cidade do coidado para as persoas de idade e persoas con dependencia; da participación, non do autoritarismo; dos dereitos e liberdades, non da discriminación; unha cidade da xustiza e igualdade.

O domingo vota para axudar a construír ese modelo de cidade ! Vota para derrotar á dereita!